domingo, 9 de enero de 2011

Prexuizos.

Hai uns dias, unha amiga que coñezo ben confesoume que vive dentro dun armario dende a infancia. A rapaza é intelixente, bonita, capaz profesionalmente, simpática e un encanto de muller mas ten unha doenza da que non se pode falar abertamente polo descoñecemento xeral que ten socialmente e o medo que provoca.

Acabo de saber que padece epilepsia e necesita ser medicada diariamente. Un dos seus maiores medos é, precisamente, que o descobran no seu traballo, onde non dubida que pode provocar o seu despido ou impedirlle a promoción que até agora tivo.

Lembramos tamén a un amigo común que padece unha enfermidade psíquica que nunca conseguíu incapacitarlle, mas que oculta como se dunha lepra se tratase mesmo entre amigos e coñecidos. Nós mesmas xuramos a máis absoluta discreción no seu caso.

As dúas concluímos que non están nun armario só os homosexuais ou os que teñen SIDA, senón unha variedade profusa de enfermos crónicos de padecementos que non teñen boa fama e, que como decía unha campaña publicitaria no caso do SIDA, o peor é non saber nada deles.

Certamente, na sociedade tan evoluída na que vivemos (ou así se dí), con tantos adiantos tecnolóxicos e tan disposta a asumir mudanzas, mantéñense aínda certos medos atávicos, certos prexuizos estúpidos, certo rexeitamento contra un grupo de persoas que prefiren estar ben pechadas dentro do seu armario antes que falar abertamente dos seus males.


Lembreime mesmo dun amigo, R., que sempre se queixa de que as referencias gráficas máis comúns da esclerose múltiple sexan persoas en cadeiras de rodas.

R. leva máis de 10 anos padecéndoa e, aínda que teña dificultades para moverse, consegue andar polos seus propios medios.


Os tres sufriron nalgún momento rexeitamento que lles provocou dor e aillamento e lles convenceu de que a mellor opción e levar a súa lotería vital en absoluto segredo.

A miña amiga reflicte sobre as bondades de non se poder autovictimizar. R está máis que farto de decirlle as rapazas que lle gustan que o seu non é contaxioso.

No decurso da conversa pensamos na cantidade inxente de persoas que vivirán dentro dun armario, sen nós o saber, por doenzas, gustos, orientacións sexuais ( nen todos os homosexuais viven en cidades, como dí a miña amiga) non comprendidos por unha sociedade que se chama a sí mesma avanzada e moderna pero na que perviven aínda prexuizos sociais contra os minoritarios, doentes, ou con orientacións e intereses diferentes a iso que se da en chamar normalidade

2 comentarios: