viernes, 7 de octubre de 2011

Wall Street Mocks Protesters By Drinking Champagne 2011

Dias de raiva

¿Vichedes as imaxes dun grupo de traballadores de Wall Street rindo e bebendo champán mentres os estadounidenses, eles tamén cada dia máis pobres, se concentraban masivamente a porta dos principais bancos, entidades financieiras, grandes corporacións, multinacionais?
Fíxome pensar moito e desatou toda a miña raiva. Porque, infelizmente, non vivo nos "mundos de yupi" coma eles pero tamén coñezo moita xente que sí.

E sempre, dende o principio da crise, observei como hai algúns que continúan a vivir ben, bastante ben, mesmo se gaban de que a crise non lles afecta, mentres outros o pasan mal, realmente mal.

Non vou falar da xente nova que non atopa traballo e non tén claro o seu futuro, senón dos seus pais ou dos seus avós.

Xente de corenta e tantos anos, cincuenta, sesenta e até oitenta que loitan desesperadamente por sacar a súa familia adiante. Con un só salario, con ningún xa, salvo os apaños que por ahí atopan; pequenos empresarios ou autonomos que reduciron a súa empresa a eles mesmos, aos que lle costou despedir aos seus traballadores, que estarían encantados de ter carga de traballo e voltar a necesitalos.

Algúns deles están hipotecando casas e patrimonio para manter a empresa aberta, esperando a que veñan tempos mellores, que é unha frase comodín, moi desta época. "¿Qué fago eu se pecho a empresa, cóntame, quén me contrata?"


Son cidadáns co pasan mal, que teñen vergoña de acabar o mes coas contas en negativo, que trampean con tarxetas para comprar comida, vestir os nenos, pagar as contas. Nunca en tal se viran.

E., por exemplo,  leva tres anos no desemprego e  cóntame que foi a súa filla de 32 anos quen lle pagou a factura para arranxar a caldeira. Dímo coa boca pequena, en segredo, cargada de culpabilidade por non conseguir con 54 anos máis que traballos para limpar casas que non dan para nada.

A. síntese un cabrón por estar vivindo hai máis de dous meses das contas dos seus nenos, do diñeiro que gardou para cando eles foran maiores. "¡Vou devolver ata o último euro, xúrocho, non sei aínda como!" Cun só salario, recortando os gastos ao mínimo, non chega.

C. tamén vive duns aforros, neste caso os seus. Tivo que pechar e sobrevive a duras penas. Traballa en B pero non tén carga de traballo agora. Non a suficiente. Ten días, coma todos. Alguns é optimista e outros non quere sair de casa.

M. está vivindo na casa da súa nai cos seus dous fillos. Está contenta e feliz por ter vendido a súa e porque lle fixeron o seu primeiro contrato por DOUS MESES,  despois de dous anos.

R. está triste e vencido. Conseguíu aforrar un diñeiro para a súa vellez e agora o necesitan os seus fillos, os seus netos. A raiva por tanta inxustiza pode con él. "Que devolvan o diñeiro" grita a ninguén unha e outra vez cando fala das indemnizacións dos executivos de Novacaixagalicia. Estamos dacordo en que esa noticia nos alporíza. Dí que pode con todo pero as veces dame medo que lle pase algo. Véxoo maior para certas emocións.

Por un momento, por uns días só,  gustariame cos que brindan con champán en Wall Street; que os que dín que a crise puxo a moita xente no seu sitio; que as cousas non están tan mal, porque os restaurantes están cheos; ca xente gasta no que non debe, et, etc...viviran a vida de calquera deles. Tres días, só tres, sufrindo a crise en propias carnes.

Xa digo que vivo moi conectada coa realidade. Masticando a miña propia raiva, unha inmensa impotencia, preocupada,  porque aínda que a miña situación non sexa desesperada, hai demasiada xente aínda que vive nos "mundos de Yupi" e non é rica nen traballa en Wall Street. Viven perto de mín,  aínda que en mundos diferentes. Comenzo a  non soportala, a non poder pasar tempo con ela. As veces, mesmo envexo esa capacidade de non volver do país de Neverland no que viven todos eles.