miércoles, 21 de septiembre de 2011

Docentes

Son filla, sobriña neta, irmá, cuñada e amiga de mestres, profesores de instituto e Universidade. Lembro dende que tiña memoria chegar a casa e sentarme coa miña nai a facer tareas mentres ela correxía exames, preparaba clases, disfraces para o entroido, poemas ou escritos dos homenaxeados no Dia das Letras Galegas.
As veces tiña que acordala e zangábase consigo mesma por ter perdido a loita contra o sono.

Cando deixei de exercer a profesión que estudara repetia unha e mil veces: “Se che fixeras mestra, se o levas na masa do sangue”. As veces me da por pensar que ten razón. Só as veces.

Lembro cenas nos colexios nos que traballaba en Tebra, en Borreiros, antes estivera en Catoira, nunha aldea do concello de Tui, sendo eu moi nena. Agrupábanse alumnos de tódalas idades e cursos.

Lembro edificios semiruinosos; un braseiro que servía para aquencer a aula; xogar con todos eles nos recreos, mesmo un accidente moi aparatoso que sufrín, con moita sangue de por medio, que me deixou unha bonita cicatriz.

A miña nai está xubilada pero sinte, como se aínda estivese en activo, os recortes que se anuncian. Ela coñeceu a escola pública do tardofranquismo. Aprobou a oposición nos anos 60 e sempre lle molestou a racanería co público en contraposición co diñeiro que se orzamentaba alegremente para os colexios concertados. Cando escoita falar de liberdade de ensino, alporízase.

O comezo e o fin do curso son máis que un estrés, un es-cuatro para a miña irmá e amigos docentes. Unha profe universitaria de letras asustóume este pasado xuño. Estaba branca, desmellorada, semellaba doente.

A miña irmá traballa os fins de semana na casa. Cando a vou visitar nunha cidade do norte de Galicia, en pleno curso escolar, non é raro atopala fronte a un computador, concentrada na tarea.

Enfurécese cando escoita decir que os profesores non pegan golpe e teñen moitas vacacións. “Pois nada, codos e a preparar unha oposición”, resposta. Sabe coma mín que os funcionarios están na diana da opinión pública. Que son campañas orquestadas polo poder ou a oposición con fins ben claros.

Iso pensa tamén un amigo que ten un posto de responsabilidade na universidade. Mesmo así continúa a dar clases porque lle gusta. O natural no seu caso son xornadas que as vecs superan as 10-12 horas diarias. Parece un ministro pero traballa coma un simple profesor, defendendo a necesidade dun novo proxecto educativo no que acredita.

Todos eles son persoas vocacionadas, que disfrutan co traballo que fan, que o defenden con unllas e dentes. Son docentes, é certo, pero moitísimas veces descubren problemas de audición, de linguaxe, de autismo, de familias desestructuradas e traballan arreo na solución dos mesmos.

Recoñecen que existan compañeiros que non queren o seu traballo, que traballan na docencia coma podian traballar de calquera outra cousa.

A mín tamén me pasaba. Cando amas a túa profesión non concibes como pode haber xente que a exerza con desgana.

Por todos estes motivos, porque creo no traballo que fan e defendo unha educación e unha sanidade gratuitas, laicas, interclasistas e de calidade como decía Grandes no seu artigo; como asisto con pena a morte lenta e anunciada do estado do benestar que tanto custou conseguir, apoio as súas reivindicacións.

Non son uns vagos, non queren privilexios, queren que a calidade do ensino público, diga o que diga Pisa, se manteña.

Habería que preguntar aos que gobernan se a responsabilidade dos malos datos dos estudantes españois non teñen máis que ver co encumbramento da ignorancia de Ronaldos e Belén Estebans de turno; ou reformas educativas que banalizan cada vez máis os contidos e a esixencia escolar.

Tamén caberia preguntar os pais, e isto é unha opinión persoal, se a súa labor na escola non deberia reducirse a voz sen voto ( aínda non entendo como se lles otorga tanto poder de decisión mesmo en áreas pedagóxicas que a maioría descoñecen).

Non sexamos nós tamén cómplices desa marea de opinión que pretende facernos creer que os docentes son o que nunca foron; que hai que mudar a escola pública que funciona ben para continuar concertando con empresas privadas de educación, moitas delas con sistemas nada pedagóxicos e calidade moi inferior ao que sería desexable.

Despois do que me contaron duas persoas que deron clases e tiveron fillos en colexios de élite de Madrid e Vigo, penso que moitos pais envian aos seus fillos a estes centros para que teñan bos compañeiros de pupitre ou por aprobados a cambio de pasta. (Até tal extremo estaba eu enganada). Se algo hai que mellorar en España non é a calidade e métodos da escola pública senón a da privada. E quen a queira que a pague, claro.